O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a décima edición dos Premios Martín Códax da Música. A gala, ambientada no mundo do viño, estivo presentada polo benquerido Dúo Vaguedades, que puxo o toque musical e humorístico a este evento no que a sorna e a reivindicación estiveron moi presentes.
Rosalía (Isabel Risco) e Pondal (Fran Rei) fixéronse co público e incluso a gran Luz Casal, homenaxeada de honra nesta X edición, prendeuse do noso dúo cómico ao que agradeceu no seu discurso que nos amenizara «con sus bromas y sus cosas».
O poder dun sector «creativo e transformador» quedou máis que demostrado nunha xornada festiva e de noraboa para a música galega na que se outorgaron 18 recoñecementos. Proxectos musicais, salas, festivais e artistas demostraron unha vez máis o poder dun sector que pisa forte e acompasado.
Os Premios Martín Códax promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.
Deixámosche o link ao video completo con todas os momentos únicos que nos regalou esta gala.