
A obra nace coa idea de amosar a vida destes nenos e nenas, polo que durante todo o proceso creativo a comunicación entre educadoras, rapazada e equipo artístico foi fluida e constante. “Soños”, escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tamara Canosa, pretende ser unha ficción moi real coa que entender o que supón para estes mozos e mozas cargar coas falsas percepcións coas que aínda cargan parte da sociedade á que pertencen. A obra conta tamén co inestimable apoio da Deputación da Coruña.
“Soños” quere romper prexuízos e deixar claro que as experiencias da mocidade tautelada son diversas e que as súas inquedanzas e aspiracións non son distintas das de calquera outro adolescente. As experiencias desta ficción moi realista proveñen de conversas con educadoras e rapazada das vivendas do Programa Mentor de Igaxes financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo FSPlus Galicia. Durante este ano, o espectáculo percorrerá todo o territorio galego, comezando cunha xira para o público da ESO e Bacharelato, que está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O alumnado de entre 15 e 17 anos é un obxectivo clave para esta peza. Moitos deles comparten o seu día a día con mozos e mozas que medran en vivendas tuteladas. “Soños” achegaraos á realidade dalgúns dos seus compañeiros e compañeiras para, deste xeito, romper coas ideas preconcebidas que moitas veces teñen.