Presentámosvos O circo do silencio, un “scape room” ou sala de fuxida 100% en galego. Unha actividade coa que percorreremos o país instalando a nosa carpa circense en máis de 10 vilas. Unha oportunidade única para a mocidade de desfrutar 100% en galego deste popular formato de xogo.
A actividade parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras que lle permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. Os participantes interpretarán un grupo de detectives contratados para investigaren este roubo. Así, terán que atopar pistas, resolver enigmas, descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperar as palabras e devolverllas ao circo.
Ambientada nunha carpa circense instalada na rúa, O circo do silencio está pensado para catro xogadoras por quenda que terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completaren a misión final.

A primeira xornada será o vindeiro xoves 20 de xullo na Praza do Concello de Xinzo de Limia, onde se poderá participar cada 45 minutos entre as 11,00 e as 21,00 horas. O mesmo funcionamento seguirá nos restantes 9 concellos: Ponteareas (Praza Maior) o 21 de xullo, Foz (Paseo Marítimo) o 25 de xullo, A Estrada (Alameda) o 26 de xullo, Oleiros (Praza Ester Pita en Santa Cruz) o 28 de xullo, Arzúa (Praza de Galiza) o 30 de xullo, O Grove (Praza do Corgo) o 31 de xullo, Ordes (Alameda) o 3 de agosto, Caldas de Reis (Carballeira Caldas de Reis) o 4 de agosto e Verín (Alameda) o 15 de agosto.
Este proxecto está dentro da programación do FalaRedes 2023, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta.