As alumnas recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. Na nosa canle de Youtube contamos con nove vídeos fragmento da obra. Pero non é só un espectáculo teatral senón un proxecto que pretende sensibilizar sobre cuestións de memoria histórica e igualdade. Por iso, contamos cunha unidade didáctica que completa a produción teatral.
María Barbeito: innovación e resistencia é o nome do proxecto teatral e didáctico que vén de recibir este recoñecemento. A totalidade do proxecto componse da obra “As Alumnas”, así como dunha unidade didáctica, que pretende achegarnos a represión que sufrían as mulleres durante o franquismo. Ademáis, pon en valor a figura da pedagoga galega María Barbeito.

A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental do espectáculo. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. “As Alumnas” busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade, creándose así un acto ético/estético que se complementa coa participación de espectadores activos.